O actor Avelino González, o Miñato da serie Padre Casares, o humorista Farruco e Manso e Amigos son os protagonistas da gala solidaria organizada pola Asociación Afasal con motivo do Día Mundial do Alzheimer. A actriz, Isabel Blanco, protagonista en series da TVG como Mareas Vivas, será a presentadora do espectáculo que se celebrará o día 13 de setembro, ás nove da noite no Auditorio. As entradas xa están á venta.
Humor e música danse a man na Gala do Día Mundial do Alzheimer na que, ademais de pasar un bo rato, o público asistente optará a gañar un premio consistente nun curso teórico práctico para a obtención do carné de conducir a realizar na Autoescuela e centro de Formación Sálvora, de Vilagarcía, entidade colaboradora neste evento solidario. De xeito anónimo tamén colabora con Afasal unha empresa da vila que dona a placas coas que serán agasallados os artistas. Pola súa banda, e como é habitual nos actos organizados por Afasal, a gala conta coa colaboración das concellerías de Igualdade e Benestar Social e Cultura, que contribúen á causa coa disposición dos medios precisos para levar adiante o espectáculo.
As entradas para asistir á gala están xa á venta. As da zona A, a 8 euros, véndense no establecemento Costurero; as da B, a 6 euros, en Creaciones Dopazo, e as da zona C, a 4 euros, en Confecciones Santa Rita.
O obxectivo desta gala é o de recadar fondos para financiar os programas que Afasal ten postos en marcha para a atención a enfermos de Alzheimer e os seus familiares. Un deles son os obradoiros “Activa a túa mente” que a asociación está a desenvolver dende o pasado ano coa colaboración da Concellería de Igualdade e Benestar e nos que, ademais de ofrecer unha
alternativa para que as persoas con afeccións neurodexenerativas poidan atrasar a evolución da enfermidade, supoñen un respiro familiar para as súas familias ou coidadores, que poden aproveitar a horas do obradoiro para descansar ou realizar outras labores.
http://www.ivilagarcia.com/ 02/09/2009
Vídeo cortesía de http://www.canalriasbaixas.com/
No hay comentarios:
Publicar un comentario