miércoles, 15 de abril de 2009

A Banda de Música e a Coral Liceo Vilagarcía reúnense en beneficio de Afasal.
.
A gala de primavera organizada pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afasal) sirve de escusa para que dúas das agrupacións musicais de máis solera de Vilagarcía volvan a actuar xuntas. A Banda de Música e da Coral Liceo Vilagarcía ofrecerán o venres 24 de abril un espectacular concerto baseado en pezas de zarzuela e en bandas sonoras de películas.
A gala en beneficio de Afasal está organizada pola Autoridade Portuaria e conta coa colaboración do Área de Igualdade e Benestar do Concello.
A Gala de Primavera de Afasal presentouse na Autoridade Portuaria nun acto no que estiveron presentes o presidente do ente, Javier Gago; a presidenta de Afasal, Sofía Beiras e a concelleira de Igualade e Benestar Social, Ana Lorenzo; ademais dos directores da Banda e da Coral, Jesús Nogueira e Margarita Guerra.

O espectáculo terá lugar o venres, 24 de abril, a partir das nove da noite no Auditorio. O programa dividirase nunha primeira parte, no que as formacións interpretarán pezas das zarzuelas máis representativas, mentres que a segunda parte, a “máis sorprendente”, en palabras do director da Banda, versará sobre a música de cine. A directora da Coral explicou a dificultade que tivo para os mozos que integran a Banda, a meirande parte xente moi nova, interpretar zarzuela, xa que este xénero ten un ritmo moi áxil e peculiar, que os mozos descoñecían e ao que non estaban habituados. Pola contra, Margarita Guerra, recoñeceu o complicado que foi para os membros da coral adaptarse a xéneros máis modernos, como o pop ou o rock, para poñer voz a pezas de bandas sonoras como as das películas Greasse ou Jesucristo Super Star. Todo un reto que ambas formacións lograron acadar e que devecen por amosar os resultados ao público de Vilagarcía e da bisbarra.

Os prezos das entradas para asistir a gala son de 6 euros, na zona A do patrio de butacas; 5 ,na zona B e 3, na zona C. Ademais haberá unha fila 0 para aquelas persoas que aínda que non acudan ao espectáculo, desexen colaborar con Afasal. As entradas estarán á venta a partir do luns en Costureiro (as da zona A), Creaciones Dopazo (zona B) e Deportes Mobu (zona C).

Todos os cartos recadados irán en beneficio de Afasal que os destinará á financiamento dos obradoiros que están a desenvolver dende hai meses con enfermos de alzheimer.

Tanto o presidente do porto como a concelleira de Igualdade e Benestar Social gabaron a importante e intensa labor que está a realizar Afasal, unha asociación que a pesar de contar a penas cun ano de vida, xa é un dos colectivos sociais do municipio con maior actividade.
Os representantes de Porto e Concello comprometeron o seu apoio a iniciativas sociais como as de Afasal e agradeceron a Sofía Beiras o traballo realizado para poder cubrir os ocos aos que non poden chegar as administracións e, sobre todo, de atender as necesidades das familias e tamén das persoas afectadas por unha enfermidade tan cruel como é o alzheimer.
Gago e Lorenzo tamén animaron aos veciños de Vilagarcía e do resto da bisbarra a gozar dun espectáculo da calidade do que presentan a Banda de Música de Vilagarcía e a Coral Liceo Vilagarcía e a colaborar deste xeito cunha causa tan xusta como a que presenta Afasal.
.
ivilagarcia.com 15/04/2009

No hay comentarios:

Publicar un comentario